Dende FAVALMI constituiuse recientemente unha Comisión de Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). Este grupo de traballo parte das convivencias e experiencias individuais e colectivas das familias que están a experimentar no quefacer diario dos seus nenos e nenas con algunha necesidade de atención educativa específica.
Dende as súas vivencias en centros de ensino público, enténdese que hai un obxectivo común que é a INCLUSIÓN real no eido socioeducativo que vai máis alá da mera integración en centros de ensino ordinario.
Baixo un clima de colaboración, afecto, motivación e acollida, facemos valoracións das necesidades do alumando da contorna do Val Miñor para analizar a realidade coa que se atopan estas familias. Tentaremos analizar os textos legais que regulan a atención a estes discentes e ás súas familias, falaremos dos protocolos que se poñen en marcha dende a Consellería de Educación para as distitnas necesidades, buscaremos información útil para a mellora educativa das crianzas e das axudas as que poden acceder as familias para obter os recursos e ferramentas que precisan os seus cativos e cativas.
Queremos formar un equipo de traballo implicado, activo e autónomo que funciona baixo o paraugas da sensibilidade e o tacto pedagóxico traballando a prol dunha mellor atención a estas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns/cidadás adultos/as, autónomos/as e libres, en convivencia cos/coas demais: “CON TOD@S – COMO TOD@S”.
Día a día, semana a semana… a comisión traballa de forma totalmente autónoma a través das redes sociais e dos recursos dinámicos e colaborativos que facilita hoxe en día a rede informática da internet. O obxectivo é ir cumprindo pequenas metas integradas no proxecto de traballo definido a principios de curso. Marcaranse uns obxetivos comúns e tentarase diseñar un camiño real para poder ir acadando estas metas e obtendo resultados.
Traballaremos:
– Na mediación coas diferentes administracións para que atendan as nosas demandas e tratar de sensibilizalos explicándolles, como nais e pais que somos, o camiño que estamos a facer e elaborando propostas, sinxelas e de custe cero ou moi reducido, que facilitarían o pleno desenvolvemento destes grandes pequenos cidadáns.
– No apoio ás familias con alumnado NEAE, proporcionándolle información e asesoramento, acompañándoos para realizar trámites, etc.
– Na organización de actividades formativas e informativas coas que se persegue a análise e o coñecemento da situación real dos/as escolares NEAE no Val Miñor para, así, buscar a maneira de mellorar a calidade desta no sistema educativo ordinario, amosando como a experiencia do alumnado diverso nas aulas enriquece a experiencia vital dos compañeiros e das compañeiras, así como a educación en valores.
Convidamos a todas as familias con fillos e fillas con NEAE e as que non os teñen pero apostan por unha inslusión real no sistema educativo a se rexistren no seguinte formulario:
INSCRICIÓN
Encha os datos do seguinte formulario para inscribirse no evento.